Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.
Encontro Youtubeir@s no Carballo Interplay

IMAXE: Eira Losada, María Yáñez, Nuria Espasandín, Mónica Fernández e Xocobo de Toro no Carballo Interplay.

ENCONTRO YOUTUBEIR@S NO CARBALLO INTERPLAY!

O Encontro Youtubeir@s no Carballo Interplay no 2018  foi unha experiencia enriquecedora e moi ben valorada pol@s tres youtubeir@s participantes, ao tratarse dun Festival do audiovisual xa consolidado e no que participan xa referentes a nivel internacional.

Tamén foi moi positiva a posibilidade de compartir experiencias entre @s propi@s youtubeir@s: desde que programas utilizar á hora de gravar ata a inspiración das temáticas ou as diferentes motivacións á hora de poñerse diante dunha cámara a contarlle ao mundo as súas inquedanzas.

A moderadora foi María Yáñez. Tamén participou a coordinadora desta edición representando aos SNL, Mónica Fernández,  e tres youtubeir@s cun nexo común: ter sido finalistas na edición anterior. Porén, cada un/ha con diferentes motivacións. Xacobo de Toro mantén unha canle educativa, para que logo digan que o ensino e o YouTube non son compatibles! A Nuria Espasandín gústalle aproveitar as novas tecnoloxías para expresar os seus sentimentos e comunicarse, ten na actualidade tres canles abertas. A terceira youtubeira é a estudante de bacharelato Eira Losada ou, máis ben, Nubesbaixoti, que é como se nos presenta, explica que fai aqueles vídeos que lle gustaría consumir.


Chegar ao Youtube para ficar


@s tres recoñecen que ter participado nos Premios Youtubeir@s provocou que tiveran máis subscricións nas súas canles e que foran máis visitadas. Tod@s el@s chegaron a youtubeir@s coa intención de ficar, por iso non deixaron de publicar vídeos e volven estar presentes na edición deste ano.

Eira foi seleccionada finalista cun vídeo-opinarmos sobre o galego. Segundo ela, tiña ganas de facer esta reflexión porque é algo que lle acontece a diario, o asombro de que unha rapaza nova fale galego todo o día nun contexto urbano. Pola súa banda, Nuria foi finalista co seu traballo “Esquezamos o soporte”, no que quería facer unha reflexión sobre a valoración que se fai do corpo doutras persoas sen reparar nas consecuencias. Xacobo de Toro contou como co vídeo “Falar malpicán” puxo a traballar ao seu alumnado, desde a investigación nas propias familias, localización de espazos… ata o proceso de gravación e edición. Destaca como este vídeo contribuíu a subir a autoestima destes mozos e mozas e a poñer en valor a súa lingua e comarca.


O galego como lingua vehicular

Mónica valora que nesta edición aumentou a calidade técnica nos vídeos. En canto á temática, sinala que é destacable que xa non aparezan xustificacións de por que unha canle en galego, ou falar sobre o galego. Considera que iso xa é camiño andado dentro do proxecto, o galego é a lingua vehicular, a temática pode ser calquera.

María Yáñez, gran coñecedora do mundo audiovisual, tamén achegou unha reflexión interesante, augurando un estilo con marca galega n@s nos@s youtubeir@s: a transmisión de saberes d@s nos@s maiores. Que haxa xente nova gravando a persoas maiores é moi importante non só polo que nos transmiten senón tamén por como nolo transmiten.

 

COMPARTIR