Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

DICIONARIO GALEGO PARA BOOMERS 

Entrevista a Noemí García

 

BREVE CUESTIONARIO

Que redes sociais usas máis?:  Instagram e Youtube

Cal é a túa youtubeira/o preferida/a?:  @pradorua

Que botas de menos no Youtube en galego?: Canles de deco, beleza e moda.

A última alegría do Youtube en galego?: A canle de Media Laranxa.

Menciona a conta de calquera rede social para botar unhas boas risas: Son moi fan dos tiktoks de @todomal.va.

 

 

 

RT, LOL, stanear, crush, GG, shippear… sóanche estas palabras? De non ser así é probable que sexas boomer e precises coñecer a Noemí García e o seu proxecto educativo Dicionario galego para boomers que tanto se espallou polas redes nos últimos meses.

Noemí é mestra de galego no IES Leiras Pulpeiro de Lugo e nos procesos de aprendizaxe soubo innovar combinando a paixón pola lingua, polo ensino e polas novas tecnoloxías.  Demostra que introducir na aula os videoxogos, facer chíos no Twitter, definir neoloxismos ou seguir os/as youtubeiros/as achega o galego á xente moza. 

Queres coñecer máis sobre ela, stanear @galegoparaboomers e ser un admin nisto dos neoloxismos?  

 

 

Quen é Noemí García? 

Difícil pregunta. De lles preguntar ás miñas amizades, seguramente responderán que son unha fan incondicional de Verto á que lle encanta ler, mais que se marea nada máis abrir un libro nun medio de transporte. E se for a miña avoa quen tiver que responder, diría que son unha fervellasverzas cun montón de soños na cabeza. E todas teñen razón, mais acho que o que mellor me define son os proxectos que levo a cabo como o Dicionario galego para boomers ou Media laranxa, porque neles poño todo o meu corazón e esforzos para que a nosa lingua teña vida.

 

De onde vén esa paixón pola lingua e pola ensinanza?

Tiven a gran sorte de que no instituto me tocase un profe de Lingua Galega que me abriu os ollos e que me fixo querer a lingua como o facía el. Creo que non hai nada máis fermoso que ensinar a cultura do país, transmitir a paixón pola nosa lingua e conseguir sementar ese amor na rapazada e ver que se atreven a dar o paso de se converteren en neofalantes.  Cando che acontece algo así, ser profe de galego convértese nun agasallo.

 

É Noemí García boomer?

Todos somos un pouco boomers en algo. É imposíbel estar ao día de todo,  mais o importante para non ser unha boomer é ter unha mente aberta, aceptar as diferenzas, non prexulgar e, sobre todo, saber que a túa opinión non é unha verdade absoluta. 

 

Como nace o Dicionario galego para boomers? 

A idea orixinal é de Cristián Olivé, un profesor catalán. Cando vin o seu proxecto, decidín darlle unha volta e transformalo nunha ferramenta de normalización lingüística. Os rapaces e rapazas saben un montón de cousas e cómpre deixármoslles que nolas ensinen. A xente nova é a que achega frescura e innovación a unha lingua. O Dicionario galego para boomers é un espazo para pór en valor a súa xiria e deixar patente que o galego é unha lingua capaz de adaptarse ás redes, á cultura pop e seguir as modas actuais.

 

Que cousas aprende unha millenial coma ti da xeración Z?

O que me encanta do meu alumnado, que pertence á xeración Z, é o seu entusiasmo e a normalidade con que tratan temas que para min á súa idade eran tabús. 

 

Como se desenvolve na aula? Cal é o proceso de traballo e a implicación do alumnado?

Unha vez cada 15 días facemos a “reunión” do proxecto na cal levamos a cabo unha chuvia de palabras e o alumnado propón todos aqueles termos que utiliza no seu día a día, mais que non aparecen no dicionario da RAG. A seguir, eu como profe fago unha selección daqueles vocábulos que me parecen máis interesantes, ben porque se poden adaptar ao galego, ben porque lles encontramos unha tradución xeitosa na nosa lingua. Despois, facemos un debate sobre o significado de cada un e, por último, cada rapaz/a encárgase de engadir a súa categoría gramatical, redactar a súa definición e pór un exemplo en que se mostre o seu significado. Como son rapaces de 12-13 anos e algúns deles aínda non teñen redes sociais, encárgome eu de subila á nosa conta de Instagram. Neste sentido, son, por así dicilo, a súa relacións públicas. 

 

Empregar neoloxismos para fomentar o uso do galego, en principio parece contraditorio.  Como se consegue equilibrar o global co máis propio?

Non hai que terlle medo aos neoloxismos. Hai 100 anos nin no galego, nin no portugués nin no castelán existían palabras como escáner, fax ou sotfware e hoxe en día témolas máis que asentadas na nosa lingua. Os neoloxismos son necesarios para darlle voz ás novas realidades que van xurdindo, mais, se na nosa lingua somos capaces de transmitir esa idea, pois adiante coas traducións, derivacións e ampliacións de significado. A lingua está para xogar con ela e vivila.

 

Que papel xogan aquí as novas tecnoloxías para normalizar o uso do galego? 

As novas tecnoloxías sono todo porque son un reflexo da socidade. Algo tan cotián como buscar un titorial ou unha recensión sobre un videoxogo en Youtube debe ter a opción de poder velo na nosa lingua. Desde o Dicionario galego para boomers, intentamos suplir aquelas eivas que hai no léxico para que alguén que queira facer un directo xogando a Fortnite, por exemplo, poida tirar man desta ferramenta.  Acho fundamental crearmos contidos e, sobre todo, dar a coñecer os que hai, porque se fan cousas moi boas, mais non chegan á maioría da poboación galega. E este é un problema que cómpre resolver. 

 

O proxecto en si mesmo vai máis alá da aula e chega a moitas xeracións. Como definirías a expansión na Rede e o bo acollemento nos medios? Que futuro ten o proxecto?

Creo que a xente devece por contidos en galego e por mellorar a calidade da lingua. Un exemplo disto é o éxito do Dígocho eu. O futuro do Dicionario galego para boomers será continuar con este labor lexicográfico até convertelo nun dicionario especializado cun amplo número de entradas e publicalo como un manual de referencia.

 

Algunha curiosidade ou anécdota que se poida compartir?

Pois cando nos empezou a seguir o Portal das Palabras da RAG e o ILG foi unha sorpresa enorme. Á parte da ledicia que supuxo, foi un punto de inflexión para a rapazada. “Agora xa somos oficialmente influencers, profe” dixeron.

 

Favoreces novas aprendizaxes e melloras a relación cos rapaces e rapazas. Que outras ferramentas empregas na aula para fomentar a aprendizaxe e o uso do galego? 

Moitas veces adaptamos videoxogos á dinámica das aulas. Para aprender a argumentar e contraargumentar xogamos ao Among Us, para traballar a descrición, o Brawl Stars. Temos unha conta de Twitter onde facemos fíos de menos de 10 chíos explicando a vida de Xela Arias nos que practicamos a redacción e o resumo ao igual que no TikTok. Ao final, é traballar o de sempre, mais desde unha perspectiva que sexa divertida para que o nivel de implicación sexa maior e que aprendan divertíndose.

 

É Youtubeiras tamén un recurso do que sacar proveito na aula? Pode crear referentes e incentivar o uso do galego na xente moza?

O alumnado, por regra xeral, descoñece a presenza do galego nas redes e todo o que lles soa son vídeos de humor ruralista cheos de prexuízos que non axudan a que teñan unha imaxe positiva cara á lingua. Cando descobren que hai xente facendo cousas guais na rede flipan e nisto Youtubeiras xoga un papel fundamental. Cando damos as tipoloxías textuais, por exemplo, vemos as características do texto descritivo cun unboxing de Nubes baixo ti ou cando damos a entrevista, póñolles un vídeo de Insta en galego ou de A LobeiraToday. Desta forma, mentres damos os contidos do currículo a rapazada vai descubrindo canles e youtubeiras que poden ser os seus referentes, como O jato Kósmico, Pradorua etc. Unha vez que descobren todo o que estaba agochado para eles, entran nese mundo e gozan del. 

 

COMPARTIR