Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.
Gala de entrega dos Premios Youtubeir@s 2019

GALA DE ENTREGA DOS #PREMIOSYOUTUBEIR@S2019

Os III Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores!!!
O venres 29 de novembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela repartíronse 6.500 euros nas nove categorías desta edición dos Premios Youtubeir@s.

A gala foi presentada, con moito humor, pola actriz Patricia de Lorenzo, quen se enfundou na pel da súa personaxe Isaura, da montaxe teatral Fillas Bravas, do Grupo Chévere. Ao longo da súa presentación, que foi acompañada pola música e o baile de Manu TF DJ e coa elaboración en directo dun grafitti por parte de Iria Fafián, Patricia de Lorenzo interpretou unha copla que convidaba, ao igual que o lema de Youtubeir@s, a conectarse e multiplicarse na rede: “Entra na internete /e con punto gal/ teclea youtoubeiras/ e ponte a gozar/ Ai, hai en youtube unha canle/ a que se hai que suscribire/ a canle das youtubeiras/que son youtubeiras de aquie”.

Unha das sorpresas máis destacadas foi a conexión “en directo” con Xosé Manuel Gayoso que dende o plató de Luar convidou @s youtubeir@s a continuar creando en galego, “que trema o inglés!” porque hai moita creatividade e calidade na creación de contidos dixitais na nosa lingua.
Na categoría de Vídeo-Facermos, o vídeo gañador foi ‘O radón: malos modais para un gas nobre’, de Aarón Vilariño, o Vídeo-Opinarmos premiado foi ‘Como se forma un cantil. O exemplo de Santa Mariña de Augas Santas (Praia das Catedrais)’, de Xacobo de Toro Cacharrón e Rocío Romar. A distinción de Mellor Vídeo-Cantarmos, a gran novidade deste ano, foi para o vídeo ‘O queimaserebros’, de Blanca e Tinta. No caso da Mellor Canle, o premio foi para Aquel-e. Tod@s el@s levaron candanseu cheque de 1000€, un diploma e un trofeo elaborado por Nahuel Martearena con barro de Buño.

O xurado concedeulle o Premio á Creatividade á Canle: Cativos na Cociña. O Premio á Eficencia Comunicativa foi para Rosalía Ft. Rosalía-Malaxente (MJ Cover), de MJ Pérez. O vídeo Os Novos- ‘Quero Fugir’, de Aaron Vilariño acadou o Premio á Calidade Técnica e 21 días improvisando, de A Rabela, fíxose co Premio á Calidade Lingüística. Por último, o galardón da #propostayoutubeira levouno Flow de Toxo. Estas categorías foron premiadas con 500€, un diploma e un trofeo.
Tamén @s youtubeir@s finalistas levaron unha medalla e un diploma como recoñecemento polo seu traballo e calidade.

Os galardóns foron entregados polo xurado (Johana Paradelo, Brais Nogueira, Nel Vidal, Tomás Lijó e Inés Salvado) e por representantes das institucións organizadoras do Proxecto Youtubeir@s.

 

 

Aquí podes ver a Gala de Entrega dos #premiosyoutubeiras2019 completa:

 

COMPARTIR