Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

GAÑADOR@S PREMIOS YOUTUBEIR@S 2020

Os IV Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores.  Neste 2020, no que se rexistrou a máxima participación ao pasar de 240 vídeos inscritos en 2019 a un total de 536, a gala de entrega está a ser substituída -debido a situación sanitaria- pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas por Lucía Aldao e María Lado. Se a semana pasada puidemos escoitar a diferentes finalistas, nos vindeiros días emitiranse tamén por Youtube as conversas coas propostas gañadoras dos premios principais deste certame, que concede un total de doce galardóns.  O xurado, conformado por Matías Tarrío, Mabel Montes, Rosa Moreiras, Xoana e Brais Romero, tomou xa a súa decisión, que a organización de Youtubeiras@, conformado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, fai pública a continuación:   

 

PREMIO CANLE 

O premio á mellor canle é para pradorua xa que os seus vídeos ofrecen contidos variados, orixinais e de calidade, e, ao tempo, achegan a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual sobre temas xa vistos. 

 

PREMIO YOUTUBEIR@

O premio ao mellor youtubeir@ é para olaxonmario, xa que o seu labor no youtube en galego, ademais do seu grande impacto, non pasa desapercibido en canto a novidoso e orixinal.

 

PREMIO VÍDEO

O premio ao mellor vídeo é para O cabalo de Alberte Merlo, unha creación que mistura a historia da nosa literatura e a situación lingüística de Galicia co enxeño e a retranca.

 

PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA

O premio Calidade Lingüística vai para o vídeo "As patacas do paraíso", da canle Cativos na cociña, polo uso coidado e pola riqueza lingüística que reflicte, especialmente no ámbito fonético e lexical, dentro dun rexistro coloquial propio dunha variante dialectal. Este coidado no uso da lingua achégalle ao vídeo un plus de calidade, de frescura, de proximidade e de naturalidade.

 

PREMIO IMPACTO

O premio Impacto é para o video Xogando con Ana Pontón aos Sims de Aquel-e pola entrevista que os youtubeiros lle fan a Ana Pontón, candidata á presidencia da Xunta de Galicia (indican que xs outrxs candidatxs tamén foron convidadxs) nunha contorna como a das redes sociais e a dos videoxogos á que a clase política lle dá habitualmente as costas á hora de comunicar os seus programas. Unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política xs máis novxs usando outro tipo de canles e de linguaxes diferentes ás tradicionais. Case 5.000 visualizacións!

 

PREMIO CALIDADE TÉCNICA

O premio Calidade Técnica é para "Os Vinte do XX - Capítulo 2: As Irmandades da Fala" de Antón Varela por ser unha mostra representativa da serie" Os Vinte dos XX" que ofrecen unha panorámica galega polos anos 20 do século XX cunha excelente calidade técnica, sobre todo no referido á edición, tanto de vídeo como de son, e ao traballo gráfico. 

 

PREMIO COMUNICACIÓN

O premio Comunicación é para a canle de Un rapá transquilo porque amosa con absoluta solvencia, naturalidade, desdramatizando e mesmo tirando de humor e de retranca, con honestinade e en primeira persoa, unha realidade tan complexa, e ás veces tan incomprendida, como é a dunha persoa en proceso de tránsito de xénero.

 

PREMIO CREATIVIDADE

O premio Creatividade é para a canle O son das ideas por trasladar a explicación de sesudas leis físicas ao ámbito do cotiá, empregar os recursos tecnolóxicos de xeito divertido e ameno, e por se quedasen prexuízos, contribuír a promover o galego como lingua perfectamente válida para a divulgación científica.

 

PREMIO MUSICAL

O premio a mellor vídeo musical é para Lume (feat. Camel Blando ) de FØ Records, unha produción moderna cun tema propio que actualiza a música galega a ritmo de trap.

 

PREMIO DIDÁCTICO

 

O premio Dídáctico é para a canle Naturiza por achegar dun xeito ameno, claro e entretido contido científico relacionado co medio natural, coa ecoloxía, co consumo sustentable, etc usando a lingua galega e a tecnoloxía de maneira que a súa divulgación sexa accesible para todo tipo de público.

 

PREMIO PIONEIRO

O premio Pioneiro é para Cousas RarismASMR por levar o noso idioma e, con el, a comunidade Youtube en galego, a terreos moi pouco explorados, pero facéndoo desta volta con calidade e xeito.

 

PREMIO DO PÚBLICO

Preme aquí para acceder á lista de reprodución con todos proxectos gañadores dos Premios Youtubeir@s 2020!

 

 

COMPARTIR