Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.
YOUTUBEIR@S NA MICE

YOUTUBEIR@S NA MICE 2018

O Museo do Pobo Galego, inspirado polo tema proposto este ano para celebrar o Día Internacional dos Museos -hiperconectados-, convidou o programa Yoububeir@s a formar parte das actividades paralelas da Mostra Internacional de Cine Etnográfico que vai pola XIII edición.

Protagonizou o acto unha selección, feita ao caso, de dezasete traballos presentados polos youtubeiros e as youtubeiras nestas dúas convocatorias do programa.

Foi un percorrido ben interesante por varias mostras da nosa cultura popular, desde unha explicación sobre a vestimenta tradicional e o xeito de facer algúns produtos enxebres da nosa alimentación como o pan, as chulas ou os bolos do pote ata o divertimento do domingo falereiro ou dos xoguetes de antano, e o traballo, no mar, nos muíños ou no oficio dos construtores de gaitas.

Após os vídeos, e cando xa o público asistente puidera ver canto pode dar de si a atención á nosa lingua e á nosa cultura desde os espazos sociais da rede, houbo tempo para conversar con algunhas das persoas que participaron cos seus traballos: Diego Prieto, de Tradigaita, Román Castaño e Margarida Rodríguez, d’As cousas do Choio, e Lucía Junquera e Silvia López de Son do pan.

Practicamente todos os vídeos que se viron, e nomeadamente os realizados polas youtubeiras e youtubeiros presentes na mesa do coloquio, deixaban diante da cámara uns protagonistas diferentes de quen guionizara e gravara os traballos, e en moitos caos xente maior. Este foi, logo, un dos fíos condutores da conversa na que se explicou como percibían estas persoas alleas ao uso das redes e ao audiovisual este novo xeito de contaren a súa historia ou os seus saberes e asemade se puxo de relevo que esta canle ten cada vez un espectro máis amplo de usuarios e usuarias.

Houbo tamén abondas intervencións nas que se reafirmou a importancia de crear e divulgar contido en galego e sobre a nosa cultura como fórmula acaída para darlle normalidade. Neste sentido valorouse especialmente que se vehiculen na nosa lingua todos os xéneros youtubeiros e sobre calquera temática.

Desde o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, que conducía a mesa, agradeceuse, en nome de todas as entidades concellos e que convocan Youtubeir@s, a oportunidade que facilitaron a MICE e o Museo do Pobo Galego, como promotor, para dar maior difusión ao programa e aos traballos que participaron. Tamén se fixo público o agradecemento a Illa Bufarda como empresa que desenvolve todo o traballo técnico que fai posible as convocatorias e a todas as persoas que acudiron para contar a súa experiencia ou para escoitárena.

 

Por algún motivo no se a completado la carga de la galeria, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

COMPARTIR