Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

10 CHAVES PARA TER MÁIS SUBSCRICIÓNS NA TÚA CANLE

Un dos obxectivos como creadores e creadoras de Youtube é podermos chegar ao maior número de persoas posible, sobre todo a aquelas que verían encantadas os nosos contidos porque comparten intereses con nós. Rebuscar na inmensidade da Rede ás veces é como precipitarse ao abismo pero... con estes 10 consellos conseguirás posicionar mellor a túa canle para que te atopen e sen gastar un só céntimo! Se xa es moi pro e coñeces outras formas de conseguir máis persoas seguidoras, non dubides en contalo nas diferentes RRSS de Youtubeir@s, de seguro que con todas as achegas se poderá crear unha parte II deste artigo. 

 

Comezamos:

 

  • Coida a xente que xa te segue

Diríxete a ela, agradécelle que te vexan e intenta saber que cousas lle gusta e cales non. Logo con esa información xa fas o que ti consideres, pero é interesante coñecer o teu público. Se gustan da túa canle, van compartir os teus vídeos seguro! Contesta os comentarios que che fagan e sígueos/as nas súas redes. Podes lanzar preguntas (verbalmente ou a través das tarxetas), pedir que che comenten algo en concreto, facer enquisas de insta e mil historias máis (nunca mellor dito). O tema é botarlle imaxinación! 

 

  • Fai bos contidos 

Isto é moi obvio á par que subxectivo… claro. Busca contidos orixinais, innova no formato, na forma de contar, aproveita todos os recursos dispoñibles na rede, usa música e efectos sonoros, grava con toda a calidade posible e procura que o son se escoite ben. Critica o teu propio traballo e esíxete un chisco máis cada día! Non pares nunca de aprender!

 

  • Planifica algún sorteo 

Isto leva o seu traballiño de planificación pero dá os seus resultados. Podes facer algún sorteo entre as persoas que xa te seguen e pedirlles algo a cambio (compartir, comentar…). Podes facelo no propio Youtube ou, se tes, nas túas redes sociais asociadas.

 

  • Traballa a túa identidade dixital noutras redes sociais

Isto é moi importante! Aínda non tes redes sociais asociadas á canle? Pois anímate, mide forzas e comeza pola que máis te convenza ou onde creas que se atopan as persoas que poden ser seguidoras potencias da túa canle. Busca unha estética coidada e coherente en todas as túas redes, que unifique cores, tipografías, formas…, e emprega un ton comunicativo semellante ao dos vídeos para que sexa máis identificable co teu estilo e imaxe.

 

  • As miniaturas, ese amor a primeira vista

Pois si, tal cal. Amor a primeira vista é o que conseguen algunhas canles que traballan moito as miniaturas de cada vídeo. Os ollos botan chispas cun só fotograma! Prepara un bo deseño e xa verás que feito queda. Esta imaxe tamén che pode servir para promover os teus vídeos  noutras redes sociais.

Na primeira gala de entrega de premios Youtubeir@s, alá polo 2017, Iñaki Quenerapú fixo un monólogo ma-ra-bi-llo-so arredor das malas pasadas do “PLAY” enriba das nosas miniaturas

 

  • Participa noutras canles (fai colabs!)

Comenta, participa e interactúa con outras canles. Que non se apodere de ti a timidez, ábrete e dáte a coñecer a outros creadores e creadoras que de seguro están desexando ter máis rede creativa á súa volta. Outra forma de participar noutras canles é facer colabs con youtubeir@s que teñan similitudes cos teus contidos, así chegarás a un público que seguro adorará a túa canle. 

 

  • Crea un bo título

Crea un título que conteña as palabras chave para entender o contido do vídeo e que chame a atención. Non te pases creando expectativa (un visionado frustrado non é boa cousa) pero tampouco sexas eslamiado/a. Escolle o título con base no formato: as listas de cousas, por exemplo, “10 ideas xeniais para non atragoarte nas ceas de nadal”, tamén os vídeos con tempo limitado, “Aprende a coser en 5 minutos” (Por certo, viches os vídeos do xurado deste ano?)...

 

  • A descrición do vídeo... Uf, que preguiza!

Veña, ho! Se che está quedando moi ben… Xa case vai! Sé orixinal, crea un texto con gancho e evita o contido duplicado do título. 

Outra boa idea é engadir no texto a ligazón para subscribirse directamente. Faino mellor nas primeiras liñas para que se vexa facilmente. Aproveita e personaliza a ligazón:

https://www.youtube.com/subscription_center?add_user=onomedatuacanle (cambia o texto onomedatuacanle polo nome da túa canle e esta ligazón xa levará directamente á xanela emerxente para a subscrición)

 

  • Recordatorios, sempre!

Non te canses de facelo! Fai chamadas verbais e emprega as tarxetas nos últimos segundos de cada vídeo para que a xente se subscriba á túa canle e reciba notificación na campaíña a cada novo contido. As tarxetas de Youtube son moi sinxelas de usar e tes múltiples opcións: tarxetas de subscrición, tarxetas a outros vídeos teus e se tes moita xente subscrita ata podes incorporar a ligazón do teu web. 

 

  • Coida a lingua e participa en Youtubeir@s

Consello definitivo! Presenta todos os teus vídeos e canles aos Premios Youtubeir@s 2020. Ademais de optar a premios gorentosos, os teus vídeos serán incluídos nas listas de reprodución do concurso, serán difundidos a través do twitter do proxecto e Youtubeir@s dará un bo pulo a todos os creadores e creadoras! Emprega os cancelos #yotubeiras e #youtubeiras #youtubeengalego para que sexa máis doado atoparte na inmensidade do Youtube.  Ah, coida a lingua, que non costa nadiña e a túa xente subscrita ha agradecelo!




A crear, youtubeir@s!