Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

CINCO FORMATOS POR EXPANDIR NO YOUTUBE EN GALEGO

Que non sexa por falta de ideas! A rede é un universo tan grande que corremos o risco de perdérmonos, pero tamén a sorte de atopármonos. E é que polo YouTube adiante hai unha chea de contidos que nos poden servir de inspiración para crear os vídeos da nosa canle. Se che apetece coñecer e probar sorte con algúns dos formatos que máis o están petando no YouTube, atende ben!, porque aquí vai un repaso polos contidos que prenderon nas redes youtubeiras dos últimos tempos. Ollo!, non marches coa idea de que cómpre copiar todos os formatos das celebrities internacionais para ter éxito. Non fai falta ir moi lonxe para dar con grandes ideas.

O importante é atopar un estilo propio e uns tipos de contidos que che resulten atractivos a ti e á túa audiencia. A canle Páramo Pictures, por exemplo, deu cun formato propio de versións musicais que xa teñen máis que consolidado (precisamente nesta entrevista falan das chaves do seu éxito). As reviews ou os umboxing tamén se coaron polo YouTube en galego - a canle de Ben Feito ou a de Nubes baixo ti andan por estes lares -, igual ca os vídeos de preguntas e respostas. De feito, o YouTube galego xa ten o seu propio TAG, que iniciou o Aquel-e co gallo de fortalecer a comunidade youtubeira.

As entrevistas e as conversas con diferentes persoas, outro formato ben interesante, callou, por exemplo, na canle do Olaxonmario e da Lobeira Today. E este último, ademais, botou a andar unha sección de xogos (SABES ou NON?) pioneira no YouTube galego. Os vídeos de viaxes tamén son recibidos con gusto no mundo youtubeiro. Disto saben ben Comundoavoltas ou Toxío, dúas canles que nos levan de visita virtual e en galego por unha chea de lugares como Exipto, India ou Río de Janeiro. Tampouco podemos esquecernos dos típicos “Top 3” ou listaxes, formatos áxiles e fáciles de crear e de consumir. Este que segue é un exemplo curioso: Laranxeta, youtubeira valenciana neofalante explica “As 10 cousas máis difíciles do galego”.

E estes son só algúns exemplos. A rede youtubeira galega reborda de grandes iniciativas, pero por se nalgún momento falla a inspiración, velaquí unhas cantas ideas que aínda quedan por explorar e expandir no YouTube galego. Anímaste?

 

Mostra a túa habitación ao mundo cun #RoomTour...

O cuarto é un espazo moi persoal que deixa entrever os teus gustos, as túas afeccións, as túas rutinas... Así que facer un percorrido por el pode ser unha boa maneira de ensinar un cachiño de ti ás persoas que te seguen. Colle a cámara e presenta a túa habitación; pódeche dar pé para contar historias interesantes ou anécdotas que che veñen á cabeza a través dos obxectos do teu cuarto. Este tipo de vídeos adoita tirar moito pola xente; por unha banda, porque o teu público ten interese por coñecerte mellor, e pola outra, porque os RoomTour tamén inspiran cambios nos estilos das habitacións.

De feito, moi relacionado con este formato (que tamén se pode facer extensible ao resto da casa cun tour polos diferentes espazos) atópase o que se coñece como Room Makeover, mediante o que podes pegar un cambio total ao estilo do teu cuarto e mostrar o antes, durante e despois nun vídeo da túa canle. Aquí vai un exemplo que o suma todo: transformación e Room Tour, por Rachel Metz.

 

Dáseche ben o debuxo? Proba co Draw my life

O YouTube en galego tampouco explorou aínda estoutro formato, pero xa leva varios anos facéndose oco na plataforma. De feito, foi polo ano 2011 cando comezou a popularizarse. Se queres presentarte ao mundo ou dar a coñecer a vida dalgunha persoa que che pareza relevante, podes optar por este tipo de vídeo, onde deberás narrar unha historia de vida a través de ilustracións en directo sobre un taboleiro. Como exemplo, vai este de Marina Yers.

 

Bookshelftour: a túa libraría persoal como protagonista

Clásico! Un formato moi interesante e que che pode dar moitísimo xogo. Percorre o teu estante de libros e ensina as túas lecturas preferidas. Podes mesmo mergullarte no argumento dalgúns dos libros e facer recomendacións literarias, ou simplemente mostrar os títulos que conforman a túa libraría. Mira como o fai El Coleccionista de Mundos, por exemplo. Outra opción que tamén se estila moito neste mundo “booktubeiro” é a do bookhaul, isto é, mostrar os libros que mercaches na última compra.

 

E que tal a túa faceta de gamer?

Os videoxogos son un universo paralelo que atopan no YouTube un lugar perfecto no que habitar. Dun tempo a esta parte naceu a canle Galician Gamer, especializada neste tipo de contido en galego, e xa vimos tamén ao Olaxonmario xogando aos Sims nalgúns dos seus últimos vídeos. Trátase dun contido moi demandado hoxe en día e no que aínda queda moito por explorar. Tampouco fai falta que sexas súper profesional e que a túa canle se nutra exclusivamente de gameplays. Se vés de adquirir un videoxogo, proba, porque seguro que o teu público gusta de saber da túa nova afección. Velaquí un dos vídeos da xogadora galega Patty Dragona, unha das máis recoñecidas neste mundo.

 

Crea tendencia coa túa morning routing

Estoutro formato tamén fura con forza no YouTube. Trátase de explicar nun vídeo a túa rutina da mañá, desde que te ergues ata que vas á facultade, ou ao traballo... Á xente pode interesarlle saber cales son os teus coidados matutinos ou que tipo de almorzos preparas para comezar o día con enerxía. Moitos youtubeiras e youtubeiros que se unen a esta moda deixan na descrición do vídeo os enlaces aos produtos que utilizan. Pode axilizar a busca de quen queira ampliar información.

 

Máis? Pois os sorteos a través das redes adoitan ter éxito asegurado; e os challenges ou retos tamén rodan moito polo YouTube, igual que os vídeos de cambios de armario ou os haul – compartir coa túa audiencia algo que mercaches hai pouco -. Podes tamén facer a receita dalgunha comida rica, ou atreverte cun DIY (Do It Yoursefl – Faino Ti Mesma) de calquera cousa que te apaixone. E se xa levas un tempo na plataforma, nunca falla explicar os teus inicios nela.

As posibilidades son infinitas. Só hai que botarse a gravar, (e presentarse ao concurso de Youtubeir@s... Que nunca se sabe).

 

COMPARTIR