A comunidade que crea contidos en galego na Internet medra de xeito constante e desde Youtubeiras+, coa vontade de contribuír a ese crecemento, promovemos diferentes tipos de obradoiros. Os obxectivos principais desta formación son:
- Mostrar referentes na creación de contidos na nosa lingua.
- Fomentar o consumo e incentivar a creación de contidos audiovisuais en galego nas redes sociais.
- Dotar de ferramentas, habilidades prácticas e estratexias para xerar contido de impacto para as redes sociais.
- Dar a coñecer o proxecto Youtubeiras+ e o seu certame.
O enfoque dos obradoiros é teórico-práctico, para o cal combinan explicacións sobre estratexias dixitais con exercicios que permiten aplicar os coñecementos adquiridos. Diríxense tanto a alumnado de centros de ensino, como a docentes ou a público xeral (centros socioculturais, casas de mocidade, asociacións veciñais…) e desenvólvense, baixo demanda, entre os meses de maio de 2025 e marzo de 2026.
ALUMNADO
- Obradoiro introdutorio de 50 minutos: Damos a coñecer as bases mínimas para comezar a crear contido e analizamos cal é o material necesario, o plan de acción a desenvolver, as diferentes temáticas e formatos etc. | Prezo 350 € (300 € para entidades asociadas a Youtubeiras+) + IVE.
- Obradoiros completo de 100 minutos: Pomos en práctica a estratexia de creación de contido, centrada en aspectos como a identificación de intereses e público obxectivo, análise das posibilidades creativas ou estruturación dun guión. | Prezo 400 € (350 € para entidades asociadas a Youtubeiras+) + IVE.
Estes obradoiros están deseñados para alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos formativos.
DOCENTES
- Obradoiro de 50 minutos: Mostramos ferramentas ao profesorado que lles permitan comprender e integrar as redes sociais e a creación de contidos na aula como recursos educativos. Traballamos ao redor do panorama actual das redes sociais (formatos, linguaxes etc.), falamos da creación de contido educativo, das boas prácticas e da seguridade en redes. | Prezo 350 € (300 € para entidades asociadas a Youtubeiras+) + IVE.
PÚBLICO XERAL
- Obradoiro de 100 minutos: Acompañamos aquelas persoas que queren comezar a crear contido de calidade con impacto e estratexia. Traballaremos sobre a identidade dixital, a diferenciación dentro do ecosistema dixital e a planificación de contido a medio e longo prazo. | Prezo 400 € (350 € para entidades asociadas a Youtubeiras+) + IVE.
Os contidos foron deseñados por Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, e por Laura Veiga, de Pingando, que tamén se encargan da docencia. Cada actividade estará impartida por dúas persoas docentes e para un máximo de até 50 asistentes.

Nuria Espasandín e Sergio Casal. Toxío: Profesionais da comunicación nos ámbitos da fotografía, o vídeo e a xeración de contidos web e en redes socias. No ano 2019 crean Toxío, un espazo de creación de contido para amosar a súa maneira de ver o mundo e que ten como piares fundamentais as viaxes, os dereitos humanos e o veganismo.
Premio Calidade Técnica 2021 e Premio Canle en 2022 de Youtubeiras+
Laura Veiga. Pingando: Xornalista, sexóloga e divulgadora a través da súa canle Pingando, centrada en educación sexual e divulgación sobre o ciclo menstrual. Leva anos traballando na divulgación máis alá das redes, fai desde obradoiros en escolas até formacións para profesorado e empresas, pasando por relatorios e espazos de diálogo.
Premio Pioneiro 2022 de Youtubeiras+

